![]() |
||
| Castellano | English |
![]() |
||
|
|
> O Despegue de Vilagarcía |
O Despegue de Vilagarcía Vilagarcía convértese en incipiente vila portuaria coa construcción dun peirao “...de 400 metros de lonxitude, con avenida en rampla de afirmado contido entre muros e petís de fábrica de cadeirado, e viaducto e cabeza de estructura metálica e taboleiro de andar de madeira”. O proxecto corresponde ó enxeñeiro Vicente Ruiz, apróbase en 1878 e a obra acaba de construírse en 1893. “Os emigrantes dispoñen --escribiría anos máis tarde sobre este proxecto Rafael Arizcun, emblemático enxeñeiro director do Porto de Vilagarcía-- dun medio cómodo para pasar, eles e as súas bagaxes ós transatlánticos fondeados na baía, xa que polo seu calado non poden atracar ó peirao de Carril”. Con este novo peirao comeza a ter unha maior importancia portuaria. Pouco a pouco vai atraer máis tráfico marítimo en detrimento de Carril, e cada vez vai ser maior o interese de empresarios particulares por establecerse en Vilagarcía. O Porto de Vilagarcía obtén a súa declaración de “interese xeral” con carácter oficial no ano 1888. Ese recoñecemento significa, de acordo coa normativa, que este porto xa está destinado “a fondeadoiros e depósitos mercantís, carga e descarga dos buques que se empregan na industria e o comercio marítimo, e cando se verifique que estes portos poden interesar a varias provincias e se atopan en comunicación directa cos principais centros de producción de España”. As expectativas abertas a finais do século XIX para o Porto de Vilagarcía consolídanse definitivamente coa construcción do Peirao do Ramal, iniciado en 1901 e acabado en 1903. O seu primeiro concesionario foi Laureano Salgado e pasou entón por distintas mans ata que a Comisión Administrativa do Porto formalizou a súa compra en 1932 á Compañía Suárez. Rafael Arizcun describe a este peirao “dotado de vía férrea que enlaza na estación do ferrocarril, e provisto de grúas de vapor, en onde atracan buques de pequena tonelaxe, co que todo o movemento mercantil despraza o seu centro a esta nova residencia”. Entre 1880 e 1903, Vilagarcía probablemente coñece a etapa de maior medra e expansión de toda a súa historia ata entón; medra urbana e medra portuaria de forma parella, como consecuencia do traslado da mesma actividade desenvolvida ata entón en Carril. A partir dun cobizoso proxecto, que abrangue as obras máis necesarias para a medra do Porto de Vilagarcía, en 1911 apróbase a súa configuración definitiva cun dique peirao de abrigo, un peirao transversal, un peirao de costa, rampla varadoiro, estrada de acceso e obras accesorias. A inauguración en 1915 das obras incluídas no proxecto xeral do Porto de Vilagarcía marcan unha nova etapa dentro da súa longa historia. Pero xa entón fica moi claro que “calquera intento de construír ou ampliar as instalacións portuarias debería facerse a costa de gañarlle terreo ó mar”. |
|||||||||||||||||||||||||||||||