 |
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía rexistrou nos meses de xaneiro e febreiro un incremento de tráficos do 10% con respecto ao mesmo período do ano anterior. O porto arousán pasou dun tráfico acumulado de 142.985 toneladas nos dous primeiros meses de 2008 a 157.412 toneladas neste ano.
O aumento, xa de por si importante, ten aínda máis valor se se compara o resultado co dos demais portos galegos e, en xeral, cos outros 27 portos de Interese Xeral do Estado, que -salvo Ceuta, cuxos tráficos subiron un 0,5%- viron diminuír o seu movemento de mercancías. O descenso medio no bimestre foi do 17,22%.
Neste incremento tivo moito que ver o tráfico de contedores, que asegura un movemento regular de mercancías no porto arousán. De feito, cando aínda non se cumpriu un ano desde a entrada en funcionamento da terminal xestionada por TERCOVI, Vilagarcía xa conseguiu situarse en terceira posición en movemento de contedores entre os portos da cornixa cantábrica e Galicia. Concretamente, nos dous primeiros meses do ano entraron ou saíron do Porto de Vilagarcía un total 6.197 TEUs, por detrás de Vigo (28.355) e Bilbao (58.185) pero por diante dos outros tres portos de interese xeral de Galicia, así como dos portos de Avilés, Gijón, Pasajes e Santander.
Con relación a estes datos, o presidente da Autoridade Portuaria, Javier Gago, sinalou que "as repercusións económicas e en movemento de mercancías e carga de traballo da posta en marcha da terminal están cumprindo todas as nosas expectativas". Cabe recordar que, de acordo coas condicións da concesión a TERCOVI da terminal de contedores, esíxese un tráfico mínimo de 20.000 TEUs anuais e, en só dous meses, case se alcanzou unha terceira parte desa cifra. |
|