 |
O Ministerio de Fomento acaba de comunicar á Autoridade Portuaria de Vilagarcía que a futura dobre vía do ferrocarril poderá acoller tanto tráfico de pasaxeiros como de mercancías. A compatibilidade dos dous tipos de tráficos a partir da entrada en funcionamento do trazado da alta velocidade estaba sen confirmar, e por ese motivo, a Autoridade Portuaria non sacara aínda a contratación a redacción do proxecto para a extensión da liña que dá servizo ao porto ata os peiraos Comercial, de Ferrazo e de Comboa.
Unha vez o Ministerio confirmou que todos os portos galegos poderán transportar as súas mercancías a través da rede de alta velocidade, as previsións son que este mesmo ano póidase proceder á licitación e adxudicación das obras. O orzamento destes traballos ascende a oito millóns de euros. A Xunta e o Ministerio de Fomento acordaron a realización das obras adicionais necesarias para que todos os portos galegos teñan acceso á dobre vía da alta velocidade e poidan utilizala para o transporte das súas mercancías. As maiores dificultades presentábanas os portos de Vilagarcía e Marín, xa que en ambos os casos gran parte do antigo tendido ferroviario foi substituído pola dobre vía, no canto de deseñarse un novo trazado en paralelo ao anterior, como sucede noutras zonas.
O trazado que seguirá o tren de mercancías ata os peiraos situados na zona sur do Porto xa recibiu o visto e prace por parte dos membros do Consello, o que permitirá acometer as obras coa maior rapidez. A extensión do servizo de ferrocarril ata a zona de Ferrazo é imprescindible para poder crear no Ramal a terminal de cruceiros do Porto de Vilagarcía, xa que ata o momento só este peirao está conectado ao ferrocarril, e non se pode cambiar os seus usos sen ofrecer unha alternativa cos mesmos ou mellores servizos.
Coa excepción desta importante actuación ?que agora se desbloquea- todas as demais obras incluídas no plan de investimentos do Porto para o período 2007-2013 xa están terminadas, en execución, ou en licitación. Desde o pasado verán, xa está operativa a ampliación do peirao de Ferrazo e a terminal de colectores, nas que se investiron 24 millóns de euros. En execución están as obras de ampliación do peirao Comercial (12 millóns de euros), o novo Posto de Inspección Fronteiriza (2 millóns), o dragado da canle de entrada e círculo de manobra do Porto (4 millóns), e a remodelación do Centro de Control do Porto (400.000 euros).
Pendentes de adxudicación están a redacción do proxecto de remodelación da sede institucional da Autoridade Portuaria e a modificación do Plan Especial do Porto. Tamén nas próximas semanas adxudicaranse as obras de saneamento integral do Porto, nas que se investirán 300.000 euros. En total, os investimentos previstos no Plan ata o ano 2013 ascenden a 53 millóns de euros.
Por outra banda, a Autoridade Portuaria de Vilagarcía acaba de dar a coñecer os datos dos seus tráficos no primeiro trimestre de ano. O ascenso foi do 13,32%, con respecto ao mesmo período do pasado ano. A tendencia é a oposta á rexistrada no conxunto do sistema de portos de interese xeral. |
|