 |
Autoridade Portuaria de Vilagarcía vai investir un total de 286.520 euros na segunda fase da rede de saneamento integral do porto. As obras -adxudicadas á empresa Espina y Delfín- permitirán a conexión das augas residuais das empresas instaladas na contorna do peirao Comercial á EDAR de Ferrazo, o que posibilitará a eliminación progresiva das fosas sépticas existentes. O prazo de execución dos traballos é de tres meses.
As obras son continuación das realizadas en 2008 pola Autoridade Portuaria no peirao de Ferrazo. Coa execución desta segunda fase, o porto realiza unha substancial mellora de carácter ambiental, de face á supresión de calquera tipo de vertedura. Ademais, a actuación proxectada dá continuidade ao desenvolvemento da ISO 14001, tendo como obxectivo unha mellora ambiental sostible. Este investimento englóbase dentro dos obxectivos estratéxicos da Autoridade Portuaria, e máis concretamente, dos relacionados coa calidade e as medidas ambientais. |
|