 |
A enxeñeira do Porto de Vilagarcía Ana Ulla Piñeiro, xefa do Departamento de Explotación, recollerá mañá martes en Madrid o premio "Modesto Vigueras 2009". Este galardón, convocado pola Asociación Técnica de Portos e Costas, sección española da Asociación Internacional da Navegación, recoñece os mellores traballos afíns ao ámbito portuario e costeiro, realizados por mozos profesionais. Concretamente, o premio destínase a traballos teóricos ou prácticos relacionados coa planificación, deseño, construción, mellora, conservación, explotación e xestión de portos, vías de navegación e zonas costeiras. A entrega terá lugar na sede de Portos do Estado
O traballo da enxeñeira do Porto de Vilagarcía, titulado "Evolución da explotación portuaria enmarcada pola implantación da terminal de contedores de Vilagarcía", analiza as necesidades creadas pola posta en marcha da terminal de contedores e a resposta da Autoridade Portuaria ás demandas deste novo tráfico, así como os resultados provisionais desta nova actividade no porto arousán, tanto sobre a carga de traballo como no movemento de mercancías.
Ademais da dotación económica aparellada ao galardón, o "Modesto Vigueras" dá dereito a participar no premio europeo "De Paepe-Willems", ao que concorren os mellores traballos de cada país.
Non é esta a primeira vez en que un enxeñeiro do porto de Vilagarcía obtén este recoñecemento, xa que no ano 2005 conseguiuno o director da Autoridade Portuaria, Juan Diego Pérez Freire, por un informe sobre a vixilancia ambiental da obra de ampliación do peirao de Ferrazo. |
|