 |
A terminal de contedores de Vilagarcía cumprirá mañá o seu primeiro ano de actividade. O 16 de xuño de 2008 o "Julia do mar" operaba por vez primeira nas instalacións situadas na ampliación do peirao de Ferrazo, inaugurando a liña regular de tráfico de contedores con Canarias.
Neste primeiro ano de actividade, o movemento acumulado de contedores na terminal foi de 29.199 TEUS (unidade de capacidade equivalente a un contedor de 20 pés). Cabe recordar que, de acordo coas condicións da concesión outorgada á empresa TERCOVI -filial do grupo Contenemar- o tráfico mínimo para os primeiros 2 anos establecíase en 20.000 TEUS, co que, para os seis meses e medio de actividade en 2008, corresponderían algo menos de 11.000 contedores, cifra que se superou amplamente, chegándose ata os 16.622 TEUS a 31 de decembro do pasado ano. Os resultados do primeiro semestre deste ano, aínda que algo inferiores, están sendo igualmente positivos se temos en conta a actual situación de crise económica internacional, que provocou un descenso xeneralizado nos intercambios comerciais por mar. Ata o día de hoxe, o movemento de contedores na Autoridade Portuaria neste ano foi de 12.577 TEUS.
Desde a súa entrada en funcionamento, realizáronse 85 escalas na terminal (a razón dunha cada catro ou cinco días), a cargo dun total de 10 buques. A maior parte delas corresponden a tráficos da propia TERCOVI, aínda que, a través dun acordo empresarial, durante varias semanas operaron tamén en Vilagarcía portacontedores da empresa Boluda.
A terminal vilagarciá -que ocupa un total de 45.000 metros cadrados na ampliación do peirao de Ferrazo- opera con dúas liñas, unha a Marrocos e outra a Canarias, sendo esta última a de máis actividade. Así, desde o porto de Vilagarcía saíron cara ás illas numerosos produtos, como leite e derivados lácteos, auga, conservas, outros produtos alimenticios, granito, taboleiro, madeira, escobas, accesorios de vehículos, etc.
A entrada en funcionamento da terminal provocou ademais un cambio no peso que os distintos tipos de mercancías teñen no Porto. Coa posta en funcionamento de liñas regulares de contedores , o movemento de mercancía xeral aumentou en 2008 nun 46% con respecto ao ano anterior, correspondendo practicamente todo este incremento á mercancía contenerizada. Ademais, en tan só un ano, Vilagarcía situouse en terceiro lugar en tráfico de contedores dentro dos portos de interese xeral da cornixa atlántico-cantábrica, só por detrás de Bilbao e Vigo.
En canto ás repercusións económicas da entrada en funcionamento da terminal, nos seis meses de actividade do ano pasado os ingresos reportados pola actividade da terminal á Autoridade Portuaria foron de algo máis de 500.000 euros, o que supón aproximadamente un 10% da facturación total no ano da Autoridade Portuaria de Vilagarcía.
A actividade da terminal tivo tamén consecuencias moi positivas para a carga de traballo -e, consecuentemente, as retribucións- do persoal da estiba. Así, as xornadas dos estibadores incrementáronse no segundo semestre do pasado ano un 58,5% con respecto ao primeiro semestre, debido principalmente ás necesidades creadas polo tráfico de contedores. O incremento porcentual foi incluso algo maior no caso dos traballadores eventuais, que traballaron -como media- un 66% máis. |
|