 |
A partir de mañá, e ata o próximo mes de outubro, a conexión ferroviaria entre o peirao do Ramal e a estación de tren de Vilagarcía utilizarase todas as semanas para dar saída a aproximadamente 30.000 toneladas de cebada. En principio, está previsto o paso de dous trens á semana, cada un deles composto por un total de 15 vagóns.
A mercancía, consignada pola empresa P&J Carrasco, terá como destino Salamanca, onde se utilizará para a fabricación de biodiésel. En cada viaxe transportaranse aproximadamente 1.000 toneladas de cebada.
A dispoñibilidade de transporte ferroviario foi determinante para a recepción no Porto de Vilagarcía desta mercancía (que chegará en sucesivos barcos, ao longo das próximas semanas). A saída do cereal por ferrocarril supón un abaratamento de custos con respecto ao seu transporte por estrada, o que permite á Autoridade Portuaria ser máis competitiva e ofrecer mellor servizo aos seus clientes.
Este é un tráfico que se suma aos movementos de mercancías previstos pola Autoridade Portuaria para este ano, algo especialmente importante na actual situación económica, que nos últimos meses provocou unha considerable caída dalgúns dos outros produtos máis habituais no Porto, como todos os relacionados co sector da construción.
A utilización da conexión ferroviaria entre o porto e a estación obrigará a cortar o tráfico na zona do Ramal para permitir o paso do convoi. Para iso, a policía portuaria e o persoal de mantemento do Porto coordinarase coa policía local, a fin de que as repercusións sobre o tráfico rodado sexan as menores posibles.
O anuncio de que o tren vai ser utilizado durante os próximos meses para dar saída a mercancías do porto pon novamente de manifesto a necesidade de dispor deste servizo para satisfacer a demanda non só dos actuais clientes do Porto, senón doutras empresas que puidesen selo nun futuro. Posto que, duns anos a esta parte, a actividade propiamente portuaria foise concentrando cada vez máis nos peiraos de Ferrazo, Comboa e Comercial, e dado que a medio prazo está prevista a creación no Ramal da estación marítima de Vilagarcía, é imprescindible ampliar o actual trazado do ferrocarril do Porto, que só chega ao Ramal, ata os peiraos da zona sur. Para iso, xa se dispón dunha alternativa de trazado aprobada polo Consello da Administración do Porto, obras incluídas no Plan de Empresa do presente ano e pendentes de licitar. |
|