 |
O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Javier Puertas, recibiu esta mañá aos membros do Consello de Administración recentemente nomeados pola Xunta de Galicia. Ao encontro asistiron José Manuel Cores Tourís, José Juan Durán Hermida, Juan Carlos Maneiro Cadillo, Baltasar Rodríguez Alcalde, Martín Serantes Álvarez, Manuel Fontao Lampón e Juan José González Vázquez, escusando a súa asistencia Covadonga Salgado Blanco e Manuel Ángel Tarrío Fernández, por problemas de axenda.
A primeira parte da visita transcorreu na sede institucional da Autoridade Portuaria, onde se realizou unha presentación xeral do Porto na que se expuxeron tanto os principios da explotación e xestión portuaria como os aspectos máis relevantes sobre o funcionamento do Consello de Administración. A continuación, os novos conselleiros visitaron o museo da entidade.
A segunda parte da visita consistiu nun percorrido polos distintos peiraos (Ramal, Comercial, Comboa e Ferrazo) para que os conselleiros entrantes tivesen ocasión de coñecer, de primeira man, o traballo que neles se realiza, así como os principais tráficos do porto arousán, e as obras que actualmente se están acometendo a fin de mellorar a capacidade e operatividade das instalacións portuarias. |
|