 |
O presidente da Autoridade Portuaria, Javier Puertas, visitou esta mañá a sede da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vilagarcía, presidida por Carlos Oubiña, dentro da rolda de contactos que o presidente portuario está mantendo con representantes das principais institucións do municipio.
O encontro serviu para intercambiar pareceres sobre temas de interese para a institución cameral e o Porto. Javier Puertas destacou a importancia da Cámara dentro do tecido empresarial non só da cidade, senón tamén de toda a comarca. Pero tamén o valor do porto de Vilagarcía, ao que definiu como "unha oportunidade estratéxica" para o tecido empresarial da comarca, destacando que só 28 portos teñen a consideración de Interese Xeral do Estado.
En canto á convivencia entre o Porto e a cidade, Javier Portas destacou cesións realizadas nos últimos anos para incorporar ao tecido urbano terreos de dominio público portuario, como o parque de Miguel Hernández ou o auditorio, e asegurou que se seguirá traballando nesa mesma liña.
Javier Puertas e Carlos Oubiña coincidiron na necesidade de dotar ao Porto de chan industrial ben comunicado, próximo á cidade e con posibilidades de expansión, para poder dar cabida ás necesidades non só actuais, senón futuras, do Porto e os seus operadores. Igualmente, o presidente da Autoridade Portuaria destacou a necesidade de ter boas comunicacións terrestres, por estrada e ferrocarril, para que o Porto sexa un instrumento máis eficaz na mellora da competividad das empresas de Vilagarcía e o "hinterland" do Porto. |
|