 |
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández, visitou esta mañá a Autoridade Portuaria de Vilagarcía, onde mantivo unha entrevista co presidente desta institución, Javier Puertas, e realizou unha visita ás obras do Posto de Inspección Fronteiriza (PIF) do porto, actualmente en construción.
En relación a este último tema, o presidente do porto arousán comentou que as novas instalacións do PIF, que contan con oito bocas de inspección, farán de Vilagarcía un porto privilexiado, e engadiu que o percorrido polo porto servira para explicar os plans de optimización do uso dos distintos peiraos e zonas de servizo, deseñados pola Autoridade Portuaria.
Pola súa banda o delegado do Goberno agradeceu a invitación da Autoridade Portuaria, sinalando que tiveran unha "sesión intensiva", na que tivo ocasión de coñecer o Plan Estratéxico e o Plan Director da entidade. Delfín Fernández manifestou que coas infraestruturas portuarias "a piques de completarse", agora toca sacar a estas instalacións a máxima utilidade posible, apostando pola intermodalidad no movemento de mercancías, produtos e persoas, o cal "repercutirá positivamente na economía da zona, e de toda Galicia".
En canto ao Posto de Inspección Fronteiriza, Delfín Fernández asegurou que o porto de Vilagarcía disporá en breve dunhas "instalacións para traballar de forma integral, coordinada e con optimización de recursos" para a inspección tanto de produtos destinados a consumo humano como a consumo non humano e inspección fitosanitaria. Segundo apuntou o presidente do Porto, as obras de construción do PIF está previsto que terminen na primavera.
Finalmente, con respecto á mellora das comunicacións viarias e, máis concretamente, ao proxecto de modificación do enlace do Porto coa AP9 que defende a Autoridade Portuaria, Delfín Fernández trasladou a Javier Portas a valoración da Delegación do Goberno e da Demarcación de Estradas en Galicia, que é "positiva". Delfín Fernández engadiu que a proposta de mellora do proxecto desta infraestrutura (cuxas obras están en execución) considérase "moi razoable", aínda que "hai que ver como se fai administrativa, xurídica e economicamente viable canto antes". |
|