 |
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía acaba de dar un importante paso na mellora das súas infraestruturas e servizos coa posta en funcionamento do seu novo centro de control. O presidente da Autoridade Portuaria, Javier Puertas Castillo, achegouse esta mañá as instalacións acompañado do director, Juan Diego Pérez Freire, Ana Ulloa, xefa do Departamento de Explotación e responsable das obras, e o xefe da área Comercial e de Recursos Humanos, Jesús Paz. Na visita, que realizaron acompañados dos medios de comunicación, explicouse a finalidade das novas instalacións, desde as cales se supervisará toda a actividade que se desenvolve no recinto portuario.
O Centro de Control da Autoridade Portuaria é froito da rehabilitación do edificio de servizos do Porto no Peirao Comercial, e está situado nunha planta que se engadiu para este fin ao citado inmoble. Desde estas dependencias, acristaladas no seu maior parte, disponse dunha excelente panorámica dos distintos peiraos, que complementa as imaxes recollidas en tempo real polas cámaras de seguridade do Porto, e que se poden ver nun sistema multipantalla. Deste xeito, os accesos ao recinto portuario e os movementos no interior da zona de operacións portuarias están sempre controlados. Ademais, o centro está preparado para servir de apoio á Capitanía Marítima en caso de producirse algunha urxencia no mar.
O presidente da Autoridade Portuaria, Javier Portas, explicou que a posta en funcionamento destas instalacións era un dos obxectivos do Plan de Empresa do porto. "O edificio ?engadiu o presidente- é o centro neurálxico da seguridade interior e exterior do Porto, así como da perimetral e dos servizos portuarios". A xefa do Departamento de Explotación, Ana Ulloa, foi a encargada de ofrecer as explicacións sobre as obras acometidas e as solucións técnicas elixidas, tendo en conta a funcionalidade do edificio.
Ademais da creación do centro de control na segunda planta do inmoble, os traballos incluíron tamén a reforma das plantas baixa e primeira do edificio, para adaptarse ás actuais necesidades de traballo do persoal adscrito a estas instalacións: Seguridade e Medio Ambiente; Servizos Portuarios; Mantemento; Axudas á Navegación; Servizos Externos; e Policía Portuaria.
Así, reformáronse os vestiarios, remodeláronse as oficinas e optimizouse a distribución de espazos. As obras aproveitáronse tamén para mellorar a accesibilidade do edificio, coa instalación dun ascensor e unha rampla de acceso, e para modernizar as redes de servizos, abastecemento de auga, electricidade, climatización, sistemas informáticos, etc. En total, o investimento realizado nesta obra ascendeu a 412.000 euros. |
|