 |
O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Javier Puertas Castillo, e o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago Rodríguez, asinaron o día 13 de abril un acordo de colaboración polo que o Porto arousán se integra no proxecto "Campus do mar", que a Universidade de Vigo decidiu presentar á convocatoria "Campus de Excelencia Internacional" promovida polo Ministerio de Educación. A Autoridade Portuaria de Vilagarcía é a primeira das cinco galegas que subscribe a súa adhesión a este proxecto, aínda que os restantes Portos de Interese Xeral do Estado da comunidade autónoma tamén manifestaron o seu apoio a esta iniciativa.
O presidente do Porto, Javier Puertas Castillo, destacou tras a firma do acordo de colaboración que para a Autoridade Portuaria "é unha honra, e un orgullo, poder participar coa Universidade de Vigo nun proxecto tan importante para Galicia como o "Campus do Mar", que ten como obxectivo a colaboración para o desenvolvemento da innovación tecnolóxica e o I+D+i, a transferencia do coñecemento e a defensa do medioambiente".
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo explicou que o proxecto ten como obxectivo agrupar toda a investigación nos sectores económicos relacionados co mar, desde o extractivo á construción naval. Alberto Gago destacou que as outras dúas universidades galegas (Santiago de Compostela e A Coruña) tamén están presentes nesta iniciativa, do mesmo xeito que universidades do norte de Portugal, confrarías, estaleiros, flotas de altura e de baixura, bateeiros, etc. O obxectivo -explicou Gago- é que "todos os socios podamos participar dun proxecto de transformación do sector, pensando no que será o mar en Galicia, dentro de 20 anos".
O reitor destacou o gran compoñente tecnolóxico desta iniciativa, que terá a súa sede física nas antigas instalacións da ETEA, un emprazamento privilexiado, ao bordo do mar, cedido pola Xunta. Unha das apostas máis destacadas do proxecto é a vinculación de todos os buques oceanográficos de España, ademais da creación do Centro Atlántico de Investigacións Mariñas, integrado por Universidades e o CSIC, e dunha Escola Internacional de Posgrao para canalizar a oferta formativa de todos os socios, ofertando un título compartido por todos.
"O que pretendemos -resumiu Alberto Gago- é definir un portelo único do I+D do mar, de maneira que calquera que teña unha necesidade neste ámbito, saiba con quen contactar". De feito, máis de mil doutores en ciencia e tecnoloxía mariña están vinculados a este proxecto.
Alberto Gago explicou que o proxecto vaise a presentar ao concurso de "Campus de Excelencia Internacional", que convoca o Ministerio de Educación, e cuxa primeira criba realizarase a finais de maio, adoptándose a decisión definitiva, por parte dun xurado internacional, no mes de setembro, previsiblemente. Pero aínda no caso de que non se obtivese esta distinción, "nós imos facer o Campus do Mar igualmente -asegurou o reitor-, xa que isto é unha aposta de país". |
|