 |
O movemento de cereais no Porto de Vilagarcía de Arousa converteuse no seu principal tráfico durante este último ano 2009, cun movemento total de preto de 290.000 toneladas, significando unha nova marca no Porto de Vilagarcía.
Nos últimos anos, a súa evolución foi moi destacada, xa que se pasou das 12.671 toneladas en 1998 a máis de 100.000 no ano 2001. As 200.000 toneladas se spueraron por primeira vez en 2004 e este ano bateuse o máximo fixado en 2006 -282.446 toneladas- ata alcanzar a cifra de 289.393 toneladas. O crecemento desde 1998 supera en máis de 24 veces o movemento daquel primeiro ano. O trigo representa o 46% do total dos cereais; o 40% é millo; e, o 14%, cebada.
É importante resaltar que boa parte destes cereais utilizan o Porto de Vilagarcía como nodo intermodal de transporte, xa que a mercancía que chega en buques, sae do Porto en vagóns de ferrocarril. Este proceso intermodal: buque-ferrocarril, fai ao Porto de Vilagarcía moi competitivo para os tráficos de longa distancia. Ademais, supón unha vantaxe ambiental a apuntar: cada vagón de cereal supón a eliminación de case catro camións, polo tanto é o sistema de transporte máis económico e ecolóxico posible.
O Porto de Vilagarcía traballa, xunto aos operadores portuarios, na fidelización destes importantes tráficos, sendo hoxe a primeira mercancía por volume de toneladas que se opera nos nosos peiraos. O magnífico e satisfactorio servizo ofrecido, neste caso polas empresas: Carrasco fundamentalmente, pero tamén por García Reboredo e Bernoport aos distintos importadores que moven estas mercancías (descarga, almacenamento, transporte, etc.) consolidou ao Porto de Vilagarcía como un importante porto de cereais no Atlántico.
As orixes dos cereais adoitan estar en países da UE e Este de Europa; e os destinos están situados en distintas instalacións na zona centro e sur de Galicia (Pontevedra, Salnés, Deza e Ourense), ademais do Norte de Portugal e ultimamente a Comunidade de Castela e León. |
|