 |
O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Javier Puertas, mantivo esta mañá unha reunión co delegado provincial de Costas, Cristóbal Fernández, a fin de presentarlle unha iniciativa portuaria consistente na creación de paseo marítimo peonil ata a RosadoMar. O delegado de Costas e o presidente portuario achegáronse ata a zona que sería obxecto desta intervención, a fin de valorar in situ as posibilidades que ofrece a contorna.
Javier Puertas Castillo explicou que a intención do Porto é "recuperar a idea de converter a RosadoMar nunha icona da Ría e un lugar aberto para goce dos cidadáns". O presidente manifestou que "recibimos moitas peticións de persoas interesadas en achegarse a este lugar, pero no interior do Porto non podemos permitir o libre acceso dos cidadáns". Por iso, valorouse a opción de unir este lugar emblemático -desde o que se contemplan unhas fermosas vistas da Ría e a illa de Cortegada- co paseo marítimo que Costas promove desde o comezo do dique de Ferrazo ata Vilaxoán.
Ademais de habilitar un paseo peonil que terminaría na baliza-escultura, a idea do Porto é crear xunto a esta unha praza pública para goce dos cidadáns. Trátase, segundo Javier Puertas, dunha oportunidade "que nin Vilagarcía nin a Ría deben perder", polo que o presidente do a Autoridade Portuaria comprometeu "a máxima disposición deste organismo para seguir avanzando na humanización desta contorna", colaborando para chegar a un punto de encontro entre administracións que permita facer realidade a iniciativa.
Pola súa banda o delegado provincial de Costas, Cristóbal Fernández, manifestou que o proxecto de paseo que o seu organismo prevé construír entre Ferrazo e Vilaxoán ten unha extensión de 800 metros, polo que sería moi interesante incrementar a súa lonxitude noutros 600, que son os que separan o punto de partida do paseo e a RosadoMar, permitindo ademais "o acceso a unha escultura emblemática e o goce visual da ría e a illa de Cortegada". Fernández recoñeceu que non se trata dunha idea que se poida levar a cabo facilmente, xa que os terreos sobre os que discorrería este paseo ata a punta de Ferrazo "non son de titularidade de Costas", polo que habería que buscar "fórmulas de colaboración para poder actuar sobre eles". A este respecto, o presidente da Autoridade Portuaria destacou que "hai disposición e ganas polas dúas partes" e expresou a súa confianza en que "os aspectos administrativos non sexan un obstáculo" para que esta iniciativa poida materializarse. |
|