 |
O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Javier Puertas, presentou o balance de tráficos correspondente ao primeiro cuadrimestre do ano e a conta de resultados do Porto do primeiro trimestre aos membros do Consello na sesión ordinaria celebrada onte. Os datos son, en palabras do presidente, "satisfactorios" e demostran que estamos nun porto "forte, seguro e solvente".
O tráfico de graneis líquidos neste período resentiuse, principalmente, das restricións á actividade de FINSA-FORESA fixadas por unha sentenza do pasado ano TSXG. Iso tivo como consecuencia un descenso no movemento de graneis líquidos do 7% nos catro primeiros meses do ano. A evolución dos distintos produtos foi dispar, xa que o metanol tivo un comportamento positivo mentres que o asfalto descendeu, do mesmo xeito que o fuel."Estamos -sinalou Javier Puertas-empezando a soportar este diferencial negativo (polas actuais limitacións ao tráfico de fuel, referido fundamentalmente á súa venda a terceiros), e seguirémolo soportando todo o ano". De non ser por este feito, esta mercancía tería un resultado en positivo, con relación a 2009.
Os graneis sólidos reflicten "as fortalezas deste porto", cunha subida do 25% no primeiro cuadrimestre de 2010 con respecto ao ano anterior. Destaca sobre todo a subida do cemento ( 39%) e os cereais ( 36), mentres que a urea practicamente mantívose. En total, as toneladas movidas foron 138.000. En relación con estes tráficos, o presidente destacou a importancia da dispoñibilidade do ferrocarril e adiantou que se está traballando no proxecto que permitirá estender a liña férrea ata os peiraos de Comboa, Ferrazo e Comercial, no que cualificou de "iniciativa vital para todos".
En canto á mercancía xeral, tanto a madeira como o taboleiro e o aluminio están en cifras superiores ás do mesmo período de 2009. Con todo, o resultado global vese lastrado pola situación dos colectores xa que desde o último trimestre de 2009, a terminal está sen actividade, mentres que o pasado ano, neste mesmo cuadrimestre, as instalacións moveron case 80.000 toneladas. Javier Puertas destacou que a entrada, no mes de abril, do expediente de caducidade da concesión no Consello de Estado permite ser optimistas con respecto á evolución da situación da terminal. En conxunto, a mercancía xeral experimentou neste cuadrimestre un descenso do 54%, o que se traduce en 59.000 toneladas. Isto cifra é inferior á correspondente ao movemento de colectores no mesmo período de 2009, o que significa que o Porto foi capaz de recuperar parte da caída de TERCOVI.
En canto aos resultados económicos do primeiro trimestre do ano, Javier Puertas destacou a súa satisfacción xa que, se no primeiro trimestre do ano a caída dos tráficos era do 22%, nese período o importe neto da cifra de negocio só se reduciu un 2% con relación ao obxectivo para o primeiro trimestre do ano, e iso a pesar da política de control das taxas e tarifas "emprendida para axudar aos nosos clientes e á recuperación da economía". O presidente apuntou que os bos resultados obedecen á boa xestión dos ingresos por ocupación de dominio público da AP e tamén á implantación dun novo modelo máis dinámico e eficiente para a xestión de impagados. En canto aos gastos, o Porto estaba a 31 de marzo un 3% por baixo do orzado, aínda habéndose incrementado os gastos de mantemento pola actividade que se está desenvolvendo neste campo non só na zona portuaria, senón tamén na de uso cidadán. A 31 de marzo, o resultado de explotación era de 229.000 euros fronte aos 206.000 do ano anterior, mentres que o resultado do exercicio arroxa unha cifra mellor que a do mesmo período do pasado ano: 144.000 euros fronte a 121.000. |
|