 |
O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Javier Puertas Castillo, visitou a mañá do mércores, día 2 de xuño, o buque de asistencia médica e loxística "Juan de la Cosa", que se atopa atracado no peirao do Ramal. A presenza do barco en Vilagarcía prodúcese con motivo da reunión de expertos sobre a Prevención e Protección Social do Traballo Marítimo Pesqueiro que se está desenvolvendo os días 2 e 3 de xuño no centro de formación de Bamio.
Na visita os representantes da Autoridade Portuaria e da empresa consignataria estiveron acompañados polo subdirector xeral de Acción Social Marítima, José María Pérez Toribio, e por Rafael Ponte Pinedo, o director provincial do ISM en Cantabria -onde o buque ten fixada a súa base-, así como polo director provincial do ISM en Vilagarcía, Carmelo Castro Durán.
O presidente da Autoridade Portuaria, Javier Puertas, deu a benvida ao buque ao Porto de Vilagarcía e a continuación o grupo realizou unha visita polo interior do barco, acompañados polo capitán e polo persoal médico que presta servizo a bordo. O "Juan de la Cosa" é un barco especialmente deseñado para facilitar asistencia sanitaria "in situ" a calquera embarcación que o solicite dentro da súa área de cobertura, que se corresponde cos caladoiros de maior presenza de pesqueiros españois. |
|