 |
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía acaba de recuperar a terminal de contedores do peirao de Ferrazo, pola caducidade da concesión outorgada a Terminal de Contenedores de Vilagarcía, SL (TERCOVI). O luns, día 14 de xuño, o presidente da Autoridade Portuaria, Javier Portas Castelo, resolveu caducar a concesión de TERCOVI, con perda das garantías constituídas, pondo fin a un proceso que se iniciou no mes de outubro e que requiriu a participación do Consello de Estado cuxo informe, favorable aos intereses da Autoridade Portuaria, foi emitido o día 10 deste mes.
O procedemento que agora desembocou na caducidade da concesión sobre a terminal deu o seu primeiro paso o día 21 de outubro de 2009, cando o director da Autoridade Portuaria acorda iniciar un procedemento de caducidade da concesión atendendo ás seguintes causas:
1. A constitución de hipotecas sen autorización da Autoridade Portuaria.
2. A falta de constitución da garantía de explotación.
3. O incumprimento da obrigación de achegar como propietario a maquinaria e equipos ofertados na solicitude do título así como de conservala en bo estado de funcionamento.
4. A inobservancia da obrigación de contratar unha póliza de seguros de responsabilidade civil e por danos.
5. A ausencia de nomeamento do oficial de protección de instalacións portuarias con anterioridade á posta en funcionamento da terminal.
6. O incumprimento da obrigación de presentar os plans de urxencia e seguridade e de continxencias por contaminación mariña accidental antes da posta en explotación do título.
7. O incumprimento da obrigación de achegar o plan de prevención de riscos laborais.
Tras a resolución de varias consideracións, o 22 de decembro de 2009 a Autoridade Portuaria ampliou as causas de caducidade, engadindo a falta de pagamento das taxas durante un prazo de doce meses.
O sometemento do expediente iniciado para a caducidade da concesión ao ditame do Consello de Estado é, de acordo coa lexislación vixente, un requisito imprescindible. Tal e como se informou no seu momento, o pasado mes de abril o expediente de TERCOVI chegaba a este órgano consultivo que con data do día 10 deste mes, emitiu o seu informe no que manifesta que procede declarar a caducidade da concesión á que se refire a consulta, con perda das garantías constituídas, apoiando así o posicionamento da Autoridade Portuaria.
A resolución do presidente da Autoridade Portuaria pola que se procede á caducidade da concesión, de día 14 deste mes, xa foi comunicada a todos os interesados. Para o mércores da próxima semana está previsto o acto de reversión da concesión, concedéndoselle á empresa Terminal de Contenedores de Vilagarcía, SL, un prazo de 15 días para que poida retirar o material desmontable.
A fin de recuperar canto antes a actividade nas instalacións da ampliación do peirao de Ferrazo, o Porto intensificará os seus contactos con aquelas operadoras que, nos últimos meses, interesáronse pola terminal e con outras empresas con capacidade para operar as instalacións. A intención da Autoridade Portuaria é que, antes de que finalice este ano, a terminal de contedores recupere a súa actividade, obxectivo cara ao cal se dirixirá o seu máximo esforzo.
Deste xeito, as instalacións poderán volver funcionar de forma satisfactoria, prestando un servizo fundamental para o desenvolvemento da nosa economía e para a xeración de emprego e riqueza nas empresas que utilizan o Porto de Vilagarcía e os contadores como peza crave para a comercialización dos seus produtos. |
|