 |
O Porto de Vilagarcía acolleu este domingo a VII edición do Tríatlon Concello de Vilagarcía-Gran Premio Porto de Vilagarcía, no que participaron aproximadamente 300 deportistas. En categoría masculina absoluta, o gañador foi Alberto Trillo, mentres que na feminina impúxose Estefanía Domínguez. Ademais da proba federada -consistente nun tramo a nado de 750 metros, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira- tivo lugar tamén unha competición popular, na que as distancias a percorrer era de 200 metros a nado, 10 quilómetros en bicicleta e 2 quilómetros de carreira a pé.
A proba de natación tivo a súa saída e chegada na rampla do Cavadelo, e as dúas carreiras, a pé e en bicicleta disputáronse total ou parcialmente en terreos portuarios, constituíndo un circuíto "rápido e vistoso", en palabras de Luis Piña, representante da organización.
A celebración desta competición na súa sétima edición é o resultado da colaboración institucional de Porto e Concello, colaboración á que se pretende dar continuidade no tempo, segundo destacou o presidente portuario, Javier Puertas Castillo, no acto de presentación da proba. |
|